Crónica da actividade promocional de Belagua

Rematamos a finais de agosto a nosa participación nas Feiras do Libro de Galicia, onde presentamos as novidades editoriais de Belagua, pero a campaña promocional non termina, e nas vindeiras semanas levarémolas a máis localidades.

“Historias de galegos extraordinarios”, do xornalista Salvador Rodríguez, estivo presente nas feiras de Vigo, Redondela, Ponteareas, Santiago e A Coruña. En cada localidade, o autor elixiu para o seu relato algunhas destas insólitas historias de persoas anónimas que máis cercanas poideran resultar ao público, e engaiolouno con elas.  “Historias de galegos extraordinarios” xa vai pola segunda edición. Dende a súa publicación no mes de abril, protagonizou tamén diversos actos promocionais en Pontevedra, Ourense e Bueu, e de novo presentarémolo o día 10 de outubro en Cangas do Morrazo.

De “O caso Quintana”, co que debutou na novela Miguel Alonso, gozaron os públicos das ferias de Vigo, Santiago e A Coruña. Nas súas presentacións, o escritor Miguel Ángel Alonso, en Vigo, e a poeta Iolanda Aldrade, en Santiago, salientaron a solidez dunha novela que, ao máis clásico estilo das novelas de misterio, relata a investigación, por parte de dúas alumnas, dun crime que ten lugar na facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela. A novela acadou a súa segunda edición e foi presentada tamén en Lugo e Bueu. O vindeiro día 10 de novembro protagonizará o ciclo literario “Venres De Letras” de Ponteareas.

A novela “Toca: el oro de la Gallaecia”, de Sonia María García García, visitou as ferias de A Coruña e de Monforte de Lemos. Con gran afluencia de público, a cidade natal da escritora acolleu a primeira presentación pública dunha novela de ficción histórica ambientada no século I d. de C. nos castros de O Courel. Igualmente, foi recibida con grande interese na Feira do Libro de Monforte, onde os asistentes quedaron cautivados pola localización da trama e a súa propia temática, a explotación do ouro das montañas desta serra luguesa. En medio dunha gran afluencia de público, “Toca: el oro de la Gallaecia” foi tamén presentada no verán en Vilamor do Courel. Coa súa segunda edición na rúa, o sábado 16 de setembro será presentada no Festival do Rei Sol de Oia.

Por último, presentamos en Vigo (Café Vitruvia) e A Coruña (Portas Ártabras) o libro “Poesía cromática”, do escritor Antonio García Teijeiro e o pintor Xulio García Rivas. En ambos casos a afluencia de público foi multitudinaria, o que reflicte o interese espertado por esta “experiencia sinestésica de dous artistas”, unha edición de só 200 exemplares, numerados e asinados polos seus autores.

Agradecémosche que o compartas: