Miguel Alonso e Salvador Rodríguez incorpóranse ao catálogo de Belagua Ediciones

     

Dous novos autores incorpóranse ao catálogo de Belagua Ediciones con senllas obras en galego que estarán nas librarías a partires do vindeiro día 1 de abril. Un deles é Miguel Alonso que, aínda que non é novo na narrativa porque xa participou en diferentes obras colectivas, debuta como novelista con “O caso Quintana”, unha obra na que a psicoloxía e a música conducen a investigación por parte de dúas alumnas novas de dous asasinatos na facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela.
Miguel Alonso, músico de profesión, sírvese nesta novela de dúas rapazas estudantes de 1.º para percorrer os corredores da facultade de Psicoloxía que el ben coñece porque licenciouse hai anos nela, e descubrir os entresixos non sempre modélicos do sistema universitario.

Ao mesmo tempo que “O caso Quintana”, sae do prelo o libro de relatos “Historias de galegos extraordinarios”, do xornalista Salvador Rodríguez. Unha vez máis, como xa fixera nos seus relatos de “Náufragos”, o olfato xornalístico de Salvador Rodríguez descubre para os lectores insólitas historias reais, vidas e fazañas asombrosas que protagonizaron, en diferentes periodos da historia, persoas anónimas de moi diversa condición.
Por esta obra desfilan galegos e galegas que estiveron no meollo de guerras e revolucións en todo o mundo, fillos e fillas da emigración en moitos casos, que o autor rescata do esquecemento para facernos reflexionar en que, malia que só algunhas persoas pasan á historia, a ela contribuimos todos.

Agradecémosche que o compartas: